—RAMON LOUREIRO NO MUSEO DE ESTUDOS CELTAS (ORTIGUEIRA)——————
Desta vez, o día 19 de Xullo do 2007, Ramón Loureiro impartíu unha conferencia sobre a Terceira Bretaña (a súa particular) no ciclo de conferencias organizadas pola Universidade Menéndez Pelayo.
Comezou esta conferencia plantexando a maxia da fotografía artística, que simplemente, con só observala con detemento, o di todo e que, como moitas outras cousas, non necesita explicación. En todo caso, se se trata de explicar a alma, perde toda a poesía, e moitos cremos que esta é máis importante que o frío razoamento, cha e puramente obxectivo.
Sen embargo nesta ocasión esa era a súa labor (explicar dalgunha forma a alma dos mitos e os seus significados) e intentou facela sen iluminar as sombras "camiñar entre as sombras que non quere dicir iluminalas" (palabras textuais do escritor), quen, nesta cita concentra a mensaxe de que os misterios, os mitos e as lendas (as sombras en definitiva) son a maior fonte de riqueza para unha cultura e que iluminándoas o único que conseguimos é destruílas.
Entrados xa na temática pura da conferencia comezou ensinando unhas fotos artísticas de Daniel Díaz Trigo, feitas na terra de Mondoñedo. Fotos en Branco e negro que conservan perfectamente a atmósfera e a maxia das situacións e da paisaxe. Entre elas tiveron especial importancia a do “inferno” do seminario de Mondoñedo (a parte na que se gardaban os libros prohibidos), a foto difusa (polo tanto máis máxica aínda) do Mago Merlín e a foto panorámica de Mondoñedo interrompida na marxe esquerda polo paso dun cabalo.
Máis adiante falou das orixes da cultura bretona en Galicia, da migración dos Bretóns da Armórica e da súa chegada á terra galega, momento no que comezou o mito de Merlín en Galicia, que según os bretóns ía ser un home, fillo do demo que falara todas as linguaxes e que tivera poderes máxicos que os salvaría do exilio e os faría voltar á natal Armórica. Pero ese Merlín non chegou, aínda que si chegou un Merlín (concretamente o Merlín de Cunqueiro que orixinou esa figura) que coidaba dos pequenos milagres, “dos pequenos detalles que fan bonito e entrañable o mundo”.
Tamén tratou da importancia que tiñan o camiño de Santiago e o de Santo André de Teixido, razoando que o de Santo André se seguía facendo debido a que as persoas conservan un sentimento agochado que é a espera das escuras galeras que os comunicara con Normandía. (Sentimento moi presente na súa novela “As galeras de Normandía”)
Despois pasou a tratar sobre a fin da idade media en Galicia. Argumentou que na nosa terra, como en outras, chegou moi retrasado debido a que cando se descubríu América os galegos que non pertencían á clase culta (a gran maioría) non se enteraron, tampouco se enteraban dos movementos dos Turcos nin das conquistas e cambios políticos que levaban a cabo os reis católicos. Dixo que había moitos que afirmaban que a idade media rematou en Galicia co Concilio de Trento, tratado no cal se modifican verdadeiramente os costumes do pobo galego. Sen embargo, Loureiro afirmou moi inteligentemente que el nacera no século XIII pois aínda viu na súa infancia moitas cousas e costumes propios da idade media.
Por último concluíu disertando sobre as lendas irlandesas e galesas que reflicten a Bretaña de orixe, a Bretaña que é medio vital para Ramón Loureiro, tanto na súa literatura como na súa vida diaria.